Convocatoria do proxecto E-Dixgal para o curso 2025/26

Acaba de publicarse a resolución que regula o proxecto Educación Dixital de Galicia (E-Dixgal) e convoca a novos centros educativos para participar no curso 2025/26.

Destinatarios
A convocatoria está dirixida a todos os centros educativos sostidos con fondos públicos dependentes da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional que impartan ensinanzas en 5º e 6º de Educación Primaria e nos catro cursos de Educación Secundaria Obrigatoria.

Prazos de presentación
Os centros interesados deberán presentar a súa solicitude a través da aplicación informática habilitada para tal fin no portal educativo da Xunta de Galicia. O prazo para a presentación de solicitudes será de dez días hábiles a partir do día seguinte á publicación desta resolución, 14 de maio de 2025.

Modelo híbrido e libros de texto
O proxecto E-Dixgal impulsa un modelo híbrido que combina recursos dixitais e analóxicos, garantindo unha distribución equilibrada do tempo entre ambos. Este enfoque permite unha ensinanza máis dinámica e accesible, adaptada ás necesidades do alumnado e promovendo o pensamento crítico. Os centros participantes disporán da infraestrutura tecnolóxica necesaria e acceso a unha plataforma virtual de aprendizaxe con contidos. Ademais, poderán incorporar libros de texto financiables. Na etapa de Educación Primaria, os centros poderán elixir ata tres libros de texto por nivel educativo, mentres que na etapa de Educación Secundaria Obrigatoria poderán seleccionar ata dous libros de texto financiables.

   Resolución do 13 de maio de 2025, da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa pola que se regula o proxecto Educación Dixital de Galicia (E-Dixgal) e a convocatoria para a selección de novos centros participantes para o curso 2025/26

 

Imaxe
E-Dixgal