E-Dixgal: Educación Dixital

E-Dixgal: Educación Dixital
Imaxe
Portada EDIXGAL

Desde o ano 2010, vense desenvolvendo o Proxecto Abalar, coma unha iniciativa para transformar a aula tradicional nunha aula dixital, coa implicación de toda a comunidade educativa: pais, nais, titores/as legais, docentes, alumnado. Para conseguilo, Abalar proporciona aos centros e á comunidade educativa os seguintes elementos:

- Conectividade e equipamento.

- Espazos virtuais de traballo e contidos dixitais.

- Accións de formación e difusión para docentes e familias.

- Canles de participación, para docentes e familias, a través de espazos web, app e ferramentas.

Dado que Abalar é unha iniciativa viva, ofrece unha educación completamente dixital para aulas de 5º e 6º de Educación Primaria e de 1º a 4º de Educación Secundaria Obrigatoria, grazas á iniciativa de educación dixital E-Dixgal.

Imaxe
Documento E-DIXGAL

Neste documento móstrase unha visión xeral de E-Dixgal, abordando os aspectos máis destacables deste proxecto enmarcado dentro da Estratexia Educación Dixital 2030 da Xunta de Galicia.

 

A resolución do 13 de maio de 2025 establece que todos os centros educativos participantes no proxecto E-Dixgal, tanto de nova incorporación como de continuidade, poderán incorporar libros de texto. Na etapa de educación primaria, os centros poderán seleccionar ata un máximo de tres libros de texto financiables por nivel educativo no que se desenvolva o proxecto E-Dixgal. Na etapa de educación secundaria obrigatoria, os centros poderán elixir ata dous libros de texto financiables para materias obrigatorias que teñan tres ou máis períodos lectivos á semana.

O alumnado, profesorado e familias participantes nesta iniciativa dispoñen dunha serie de elementos, que lles permiten desenvolver un ensino dixital: aulas dixitais, equipamento de alumnado e profesorado de uso persoal, entorno virtual de aprendizaxe, variedade de contidos dixitais, programas de formación, ferramentas de intercomunicación e colaboración.

Nos centros educativos, o alumnado e o profesorado traballa nas aulas dixitais. Son aulas que dispoñen dun panel dixital interactivo, dun equipo para o profesor, e dun equipo para cada alumno. Ademais as aulas contan con conexión WIFI para que o alumnado e profesorado poida acceder aos contidos dixitais e seguir a actividade educativa na aula desde o seu equipo.

Ademais, profesorado e alumnado dos centros implicados desenvolven a súa actividade educativa diaria nun entorno virtual de aprendizaxe que lles vai permitir acceder a contidos dixitais para 5º e 6º de primaria e 1º e 4º de ESO do seguintes provedores: Edebé, Netex, aulaPlaneta e Pearson, os do Repositorio de contidos educativos dixitais, ao que os centros teñen acceso a través do espazoAbalar (con máis de 4.000 recursos educativos dixitais complementarios en diferentes idiomas), e os que o profesorado poida crear, seleccionar ou engadir. Estes recursos permiten aos docentes elaborar a súa propia mochila dixital.

O acceso á plataforma virtual de aprendizaxe é posible a través de calquera equipo con conexión a internet, empregando as credenciais de acceso que lle serán facilitadas ao alumnado no centro. Para acceder a plataforma, e desenvolver as actividades educativas, o alumnado participante no proxecto ten dereito a un netbook (ordenador portátil) na modalidade de cesión de uso, para uso persoal e educativo. Este equipo é proporcionado polo seu centro, unha vez asinado polo pai/nai/titor legal un formulario de cesión de uso.

A utilización do ordenador portátil e das ferramentas e contidos dixitais instalados no mesmo é gratuíta para o alumnado. As familias comprométense a que o alumnado realice un uso axeitado do equipamento, ao coidado dun equipo informático en réxime de cesión, que poderá ser usado noutros cursos por outros alumnos, e a unha utilización vinculada á actividade educativa para a que é cedido.

O alumnado pode acceder ao material seleccionado polo profesorado tanto a través dunha conexión a internet (modo online) como desde o seu netbook (modo offline). Deste xeito, garántese que os alumnos e as alumnas que non dispoñan de conexión a Internet desde as súas casas, poidan seguir o curso sen dificultade. De feito, todo o avance que realicen sen conexión será actualizado de maneira automática na plataforma en canto o netbook volva ter conexión de rede.

O desenvolvemento desta iniciativa implica a formación do profesorado e do alumnado. Neste sentido, desde o comezo de cada curso, teñen á súa disposición no Servizo de formación do profesorado, cursos en diferentes modalidades, orientados a cada un dos perfís docentes sobre o uso e vantaxes da plataforma.