Espazos
Un blog é, sen dúbida, unha das pezas fundamentais da maioría das plataformas de comunidades de persoas usuarias, espazos colaborativos e redes sociais. Trátase da forma máis sinxela de publicación persoal, permitindo que as publicacións en texto se mostren en orde cronolóxica inversa. A posibilidade de comentar tamén é unha parte importante dos blogs, convertendo un acto individual de publicación nunha conversa.
O blog de Agueiro amplía este modelo proporcionando controis de acceso por entrada e etiquetado entre blogs. Permite controlar exactamente quen pode ver cada entrada individual, así como buscar outras entradas sobre temas similares. Así mesmo, é posible consultar as entradas escritas polos contactos de cada persoa usuaria, sempre que se teña permiso de acceso a elas.
Acceder aos "Blogs"
Coa sesión de Agueiro activa, preme sobre o menú "Blogs" (1) para acceder á listaxe das publicacións máis recentes daqueles blogs aos que teñas acceso, que se mostrarán ordenadas por data de creación. De cada artigo publicado figura o título, un fragmento do seu contido, o nome da conta da persoa autora, a data da última modificación, o tipo de permiso de acceso, o número de comentarios e o número de Gústame que recibiu. Na páxina de blogs pódese acceder ás seguintes lapelas:
- Propio: artigos publicados no blog persoal e nos dos grupos aos que se pertence, tanto os borradores como os publicados. Xunto cada entrada hai un botón cun menú despregable que permite editala ou eliminala.
- Contactos: artigos dos blogs da axenda de contactos que permiten o acceso desde a conta activa. Se a opción está habilitada, pódese deixar un comentario ou un Gústame premendo na icona correspondente.
- Destacado: entradas de blogs ás que a administración da plataforma Agueiro lles outorga unha especial relevancia.
- Todo: inclúe todos os artigos das lapelas anteriores mais os doutras persoas usuarias de Agueiro que teñan permiso de acceso público.

Ademais, nesta última lapela, disponse dos seguintes bloques laterais:
- Arquivos (2): permite filtrar os artigos da listaxe segundo o ano e mes de publicación.
- Últimos comentarios (3): comentarios máis recentes nos artigos aos que se ten acceso, ordenados por data.
- Nube de etiquetas (4): permite filtrar os artigos segundo a etiqueta que se engadira.
Se queres crear un novo artigo, preme sobre o botón "+ Engadir artigo" (5).
Todas as entradas de blog son totalmente independentes entre si, só teñen en común a persoa usuaria ou grupo ao que están asociadas. Polo tanto, pódese considerar que a creación e publicación dunha nova entrada de blog consta dos seguintes pasos:
- Acceder á vista do blog do grupo ou ao menú de blogs, segundo o lugar onde que se queira engadir a entrada.
- Escribir a nova entrada de blog.
- Decidir se se admiten ou non comentarios.
- Configurar os permisos de acceso para determinar quen poderá visualizar a entrada.
Engadir unha entrada
Para engadir unha entrada ao blog, débese completar a información dos diferentes apartados da páxina de edición e, finalmente, premer no botón "Gardar".
Encabezado do artigo
Se o desexas, podes engadir unha imaxe na cabeceira do artigo. Non ten que ser unha imaxe de dimensións específicas, xa que ao subila, a interface permitirache escoller a parte que queres mostrar na cabeceira da entrada. Os arquivos deben ter formato de imaxe (extensións png, jpg, bmp, gif, webp etc) e, para garantir unha visualización óptima, é aconsellable que a resolución mínima sexa de 1920x399 píxeles.

Nas entradas que deban ter cabeceira, hai que engadila durante a edición. Se non se inclúe ningunha, Agueiro deixa ese espazo en branco. Nunca se engade por defecto a mesma cabeceira de entradas anteriores do blog, xa que cada unha pode ter unha cabeceira distinta.
Título (1)
É o título da nova entrada. Este campo é obrigatorio.
Fragmento (2)
Trátase dun texto abreviado ou resumo que aparece baixo o título na vista da listaxe de artigos. De non introducir ningún contido nese apartado, Agueiro empregará os primeiros 245 caracteres do corpo como fragmento.
Corpo (3)
Corresponde ao texto da entrada, onde se poden inserir imaxes, gráficos, animacións, vídeos ou calquera outro elemento multimedia, usando a barra de ferramentas do editor de texto integrado.
Etiquetas (4)
Inclúe as etiquetas creadas, separadas por comas, para facilitar a busca e localización da entrada máis adiante na nube de etiquetas.
Comentarios (5)
A activación deste control permite que as persoas usuarias de Agueiro que vexan esta entrada poidan engadir comentarios sobre ela, sempre que teñan a súa sesión aberta. No caso de acceder a un artigo de acceso público de xeito anónimo, non será posible comentar, só ver os comentarios e os Gústame doutras persoas.

Os comentarios non se poden eliminar, nin precisan ser revisados ou aprobados antes da súa publicación. Se despois de estar habilitados os comentarios nunha entrada, pasaran a deshabilitarse, igualmente seguirían visibles todos aqueles que estiveran publicados con anterioridade.
Acceso
Podes seleccionar quen terá acceso a unha entrada do blog (1), unha vez o seu estado sexa o de publicado:
- Privado: só ti.
- Contactos: as contas que se atopen na túa axenda de contactos. No caso dos blogs de grupo, esta opción é substituída por Membros, permitindo o acceso ás contas que forman parte do grupo.
- Usuarios conectados: membros de Agueiro con sesión activa.
- Público: calquera integrante de Agueiro e tamén visitantes sen sesión activa.
Estado
Marca como borrador (2) unha entrada se consideras que aínda non está completamente rematada. Isto resulta especialmente útil se non queres que ninguén vexa aínda esta entrada e, como se explica a continuación, no caso de querer programar a data de publicación do artigo. Cando a entrada está en estado de Borrador será visible para ti, pero non para as demais persoas.
Data de publicación
Pódese programar o cambio de estado automático dunha entrada no blog de borrador a publicado nunha data e hora determinadas. Para iso, deberás introducir a data e a hora de publicación escollendo no calendario que se desprega ao premer na caixa correspondente (3) . Ademais, tamén deberás configurar o tipo de acceso da entrada unha vez publicada. Ata a data de publicación, só ti terás acceso a ese artigo, porque estará en estado de Borrador.

Se tes acceso a un artigo do que non es propietario/a, poderás:
- Ver esa entrada, os Gústame e os comentarios (se os hai).
- Desprazarte entre as demais entradas dese mesmo blog persoal ou de grupo ás que teñas acceso.
Se, ademais, tes a sesión en Agueiro activa, tamén poderás:
- Deixarlle un Gústame na entrada e/ou nos comentarios, premendo na icona correspondente.
- Deixarlle un novo comentario, se están habilitados.
- Subscribirte a esa entrada.
Xestión dos artigos
Unha entrada dun blog só pode ser editada dende a conta da persoa autora. No caso dos blogs de grupo tamén o pode facer a persoa propietaria do grupo.
Cando se accede coa sesión activa a unha entrada da que temos a autoría, podemos ver os botóns: Silenciar notificacións (1), Editar (2) e Eliminar (3).
Cando temos acceso a máis dun artigo dun mesmo blog persoal ou dun grupo, ao acceder a calquera deles aparecen na parte inferior uns controis de navegación << Anterior e Seguinte >>, que permiten acceder ás demais entradas segundo a súa orde cronolóxica.

Ao premer en Editar, accédese de novo á páxina de edición da entrada, podendo alterar calquera dos seus contidos e axustes: eliminar o encabezado ou substituílo por outra imaxe, mudar o texto, o título, o estado, o tipo de acceso etc.
Ademais, está dispoñible un bloque de Revisións, que permite restaurar as versións anteriores desa entrada que se foron almacenando.

Por contra, cando, coa sesión activa, se accede a unha entrada da que non temos a autoría, obsérvase un único botón que permite Subscribirse á dita entrada. Ao premer no botón, este muda e pasa a poñer Silenciar notificacións, o que, a súa vez, servirá para desubscribirse desa entrada.

Cada vez que unha entrada á que se estás subscrito/a sofre algún cambio (modificacións, novos comentarios, Gústame), as contas que estean subscritas serán avisadas mediante unha notificación.
Por defecto, a persoa autora está subscrita aos seus propios artigos, pero pode deixar de estalo premendo no botón de Silenciar notificacións.
O blog de grupo
Unha das ferramentas que se poden activar nos grupos creados son os Blogs de grupo. Este tipo de blog caracterízase porque calquera membro do grupo pode publicar entradas nel. Porén, aínda que cada membro pode modificar ou eliminar as súas propias entradas do Blog do grupo, a persoa propietaria do grupo tamén poderá facelo.
Ao acceder á páxina de inicio do grupo, pódese acceder ás entradas do blog asociado premendo na ligazón do bloque lateral "Blogs de grupo" (1). Ao facelo, verase a listaxe de entradas publicadas polos diferentes membros, ordenadas por data de creación.
Os artigos do blog do grupo dos que se ten a autoría, pódense eliminar ou editar, escollendo a opción correspondente do menú que se desprega ao premer no botón xunto a icona de Gústame. Isto tamén o pode facer a persoa propietaria do grupo.
Para engadir unha nova entrada ao blog do grupo, debe premerse no botón "+Engadir artigo" (2), procedendo logo de forma análoga ao explicado para os blogs persoais, coa diferenza que no apartado de Acceso a opción de Contactos é substituída por Membros.

Para ter blogs temáticos ou dispoñer de blogs específicos dunha materia, poden crearse os grupos correspondentes que tiveran asociados eses blogs.