A Fundación Vodafone España e a Xunta dan a coñecer os gañadores do “Superreto Digicraft” de Galicia

A Fundación Vodafone España fixo entrega dos premios aos gañadores do ‘SuperReto DigiCraft’ en Galicia: O CEIP Do Foxo, na categoría de 9 a 12 anos; e o CPR Plurilingüe A Encarnaciónna categoría de 6 a 8 anos. O acto de entrega de premios tivo lugar no Edificio Fontán de Santiago de Compostela e contou coa participación da directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández; o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño; e a directora xeral da Fundación Vodafone España, Gloria Pracer.

O SuperReto consiste nun concurso no que estudantes de Primaria, que forman parte do programa ‘DigiCraft no teu cole’, participan a través dun proxecto tecnolóxico onde demostran as competencias dixitais adquiridas durante o ano e poñen de relevo outras competencias transversais traballadas como a creatividade, o pensamento crítico e a colaboración.

Nesta edición do SuperReto presentáronse 28 proxectos de 20 centros educativos da rexión, que se traduciu nunha participación total de 650 alumnos e alumnas e máis de 20 docentes galegos. Deles, chegaron á final celebrada hoxe 150 alumnos e alumnas de 7 centros. Os finalistas expuxeron os seus proxectos ante un xurado técnico que elixiu aos gañadores: o CEIP Do Foxo da Estrada, na categoría de 6 a 8 anos; e o CPR Plurilingüe A Encarnación de Caldas de Reis na categoría de 9 a 12 anos, que recibiron como premio un kit tecnolóxico valorado en 300 €, un trofeo conmemorativo para o centro e material promocional para a aula.

Así, este ano o ‘SuperReto DigiCraft’ vinculouse ao tema “Misión Espacial”. Todos os proxectos entregados tiñan como fin descubrir no espazo formas de vida máis sustentables, un obxectivo relacionado co propósito de sustentabilidade de Vodafone. As aulas tiveron que resolver o reto de forma grupal, de maneira que a clase enteira tivo que crear unha máquina exploradora ou un medio de transporte interplanetario. Ademais, para cumprir cos requisitos, o proxecto debía ser interactivo e integrar o uso, de maneira protagonista, de polo menos un material tecnolóxico dos incluídos nos kits DigiCraft.

Os centros educativos galegos que participaron na final do ‘SuperReto DigiCraft’ son: CPR Plurilingüe A Encarnación, de Caldas de Reis (Pontevedra); CPI Plurilingüe Virxe da Cela, de Monfero (A Coruña); CPI Plurilingüe O Cruce, de Cerceda (A Coruña); CEIP Nicolás do Río, de Cedeira (A Coruña); CPR O Castro, de Vigo (Pontevedra); CEIP Ramón Falcón, de Castro de Rei (Lugo); e CEIP Do Foxo, da Estrada (Pontevedra).

Os dous centros gañadores participarán na SuperFinal Nacional o 14 de xuño, que se celebrará na sede de Vodafone en Madrid e á que acudirán o resto dos equipos gañadores das diferentes Comunidades Autónomas. De entre eles, escolleranse aos dous equipos gañadores a nivel nacional, un na categoría de 6-8 anos e outro na categoría de 9-12 anos.

Gloria Pracer, directora xeral da Fundación Vodafone España, subliñou: “A terceira edición do SuperReto DigiCraft en Galicia pon de manifesto os froitos da colaboración da Xunta e a Fundación e o firme apoio de ambas as institucións pola innovación educativa, apostando pola adquisición de competencias dixitais a través do xogo e a experimentación desde idades temperás”.

O director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño, sinalou que “que fai máis de dez anos a Administración autonómica galega iniciou un proceso de transformación da educación para adaptala ás necesidades dun mundo dixital”. Cerviño subliñou que a iniciativa DigiCraft “complementa o esforzo de toda a comunidade educativa para consolidar a educación dixital que necesitamos”.

A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa subliñou a importancia de programas coma o DigiCraft para potenciar “as competencias dixitais” entre os máis novos, de quen destacou “o alto nivel de creatividade, como comprobamos hoxe neste evento”. Judith Fernández ratificou o compromiso da Xunta co desenvolvemento das competencias STEM e o fomento das vocacións científico-tecnolóxicas desde as aulas con iniciativas como os Polos Creativos.
Programa DigiCraft

O programa ‘DigiCraft no teu cole’ en Galicia leva xa tres anos en funcionamento, con presenza en 180 centros educativos da rexión, chegando este ano a 8.500 alumnos e alumnas e 400 docentes formados en competencias dixitais. A rexión foi pioneira en España na implantación deste programa no curso 2019-20 en 50 colexios, o que pon de manifesto o compromiso coa innovación educativa por parte da Xunta de Galicia e a súa sostida motivación en promover as competencias dixitais dos máis pequenos e pequenas.

DigiCraft é unha iniciativa da Fundación Vodafone España que, mediante a colaboración coas Consellerías e Departamentos de Educación das Comunidades Autónomas, preséntase nas aulas como ‘DigiCraft no teu cole’, un programa formativo que pretende dotar de competencias dixitais ao alumnado de Primaria e os seus docentes, espertando o interese polas tecnoloxías máis emerxentes, a través do xogo e a experimentación.