Espazos
Tecnólog@ por un día
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) pon en marcha unha nova edición do Programa Tecnólog@ por un día no marco do Plan DigiTalent 2030, co que ofrece a rapaces e rapazas a oportunidade de participar nunha experiencia inmersiva durante unha xornada laboral nalgún dos centros de traballo das empresas do sector TIC galego que participan nesta iniciativa: Altia, DOS ESPACIOS, DXC Technology, NTT Data, Quobis, Televés e Vodafone. Ademais, os alumnos que teñan unha praza asignada na Amtega poderán visitar as súas instalacións no Centro GaiásTech.
Esta actividade lúdico-formativa permite ao alumnado achegarse en primeira persoa aos proxectos reais que se están a desenvolver nas empresas TIC da man do seu persoal voluntario, fomentando deste xeito o seu interese nos estudos científico-tecnolóxicos, mellorando a súa visión sobre as profesións e perfís dixitais e resolvendo as súas inquedanzas vocacionais.
O alumnado inscrito optará a unha das 57 prazas ofertadas polas entidades colaboradoras, distribuídas en dos grupos de idade: 12 a 14 e 15 a 17 anos. Ademais, nesta edición o programa conta con prazas reservadas para o estudantado de Bacharelato.
O período de inscrición permanecerá aberto ata o vindeiro 28 de marzo. As solicitudes de inscrición realízanse dende os centros educativos a través do persoal docente, que pode cumprimentar o formulario dispoñible no espazo web DigiTalent, no que ademais deberá subir a autorización asinada polos pais/nais/titores legais do alumnado interesado en participar.
A documentación de referencia que recolle o detalle do programa, así como os manuais específicos para docentes e alumnado están dispoñibles para consulta e descarga na seguinte ligazón: https://digitalent.xunta.gal/es/iniciativa/tecnólog-por-un-día
Mentoring FP
A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades ven de publicar a convocatoria da iniciativa Mentoring FP, unha colaboración coa Amtega no marco de programa Eduemprende e do Plan DigiTalent 2030 que ten por obxectivo titorizar e acompañar ao alumnado de Formación Profesional para a identificación de saídas profesionais e o desenvolvemento da súa carreira profesional ou a posta en marcha dun proxecto emprendedor.
O alumnado interesado pode solicitar a inscrición ata o 16 de marzo para participar a través dunha das 18 prazas ofertadas polas empresas que colaboran coa iniciativa, dirixidas a diferentes niveis e ramas de coñecemento. Ademais, o alumnado participante terá a posibilidade de realizar o módulo de Formación en Centros de Traballo (FCT) na mesma empresa na que teña praza asignada.
Todos os detalles desta e outras actuacións dirixidas á infancia e adolescencia, así como as instrucións para participar encóntranse en constante actualización na web DigiTalent.