Recursos dixitais

Recursos dixitais
Imaxe
Recursos do proxecto E-Dixgal

Seguindo o modelo híbrido proposto, cada centro terá a liberdade de administrar os recursos segundo as súas propias necesidades e criterios. Entre os materiais didácticos destacan os recursos dixitais, contidos educativos e o entorno virtual de aprendizaxe, así como os recursos tanto dixitais coma tradicionais xa dispoñibles nos centros educativos. Ademais, calquera proposta que contribúa a enriquecer o proceso educativo poderá ser incluída.

Nestes momentos para cada materia e para cada nivel educativo existen polo menos tres recursos editoriais diferentes. Estes recursos son ofrecidos en función da materia e do nivel por Netex SmartClassroom, Edebé, Aula Planeta e Pearson (material específico para a materia de inglés). Estas editorias proporcionan materiais dixitais adaptados ao currículo, que inclúen contidos interactivos, exercicios autocorrixibles e outros recursos que complementan a ensinanza (imaxes, vídeos, etc). Ademais destes materiais, recentemente todas as editoriais melloraron os seus contidos ofrecendo resumos. Estes resumen teñen como características principais:

  • Cada editorial facilita ao final de cada situación de aprendizaxe ou unidade didáctica.
  • Supón a recompilación dos saberes mínimos que o alumnado debe coñecer ao final de cada tema.
  • Están nun formato (PDF) que posibilita o seu traballo posterior, ben sexa directamente desde o propio dispositivo ou imprimindo ese resume.

Como complemento destes recursos editoriais, desde a propia Consellería ofértanse recursos a través do respositorio de contidos educativos, DIXIT (co seu catálogo) e recentemente súmase a esta oferta o material xerado no proxecto cREAgal.

De forma complementaria, outras iniciativas como son Ágora Dixital ou Lenzo proporcionan pílulas, estratexias e información para levar a aula diferentes propostas.

Imaxe
Elementos tecnolóxicos do proxecto E-Dixgal

 

As iconas aquí expostas representan os elementos dixitais que aporta o proxecto aos centros educativos.

  • Panel dixital interactivo: elemento de recente incorporación ás aulas, que ven a substituír aos encerados dixitais interactivos e os videoproxectores. Ademais de poder amosar os contidos e aplicación dos portátiles, conta coa posibilidade de incluír apps que favorecen o aproveitamento dos diferentes recursos dixitais na aula.
  • Portátil de aula, alumnado e profesorado: facilita que o alumnado dispoña do seu propio dispositivo así coma dun equipo para o emprego na aula e para o profesorado para o seu uso personal, o que lle facilitará a xestión da aula e a incorporación de recursos e materiais educativos dixitais na aula.
  • Carro de carga: facilita que os equipos de alumnado estean operativos cando se precise o seu uso ademais de servir de almacenamento para os equipos que non saen do centro.
  • Conectividade e Servidor Abalar: permite unha xestión automática do acceso a internet así coma a actualización permanente do equipamento e das aplicacións dos equipos, entre elas a Navegación Segura.
  • Navegación Segura: aplicación que limita o acceso do alumnado a contidos pouco recomendables ou non axeitados. Desde contido para adultos, apostas, redes sociais, etc.
  • Recursos educativos dixitais: creados por profesionais da educación e en permanente revisión e actualización. Ademais destes contidos ponse á disposición do profesorado e do alumnado un Entorno Virtual de Aprendizaxe (EVA), que facilita a xestión dos recursos, a súa posta a disposición do alumnado e a realización dun seguimento da actividade académica e dos resultados obtidos.

 

Supoñen algunha vantaxe o emprego destes recursos dixitais?

Por un lado supón un aforro económico para as familias, pois no caso de ser parte do proxecto, o custo asociado pola compra de libros beneficia a todo o alumnado en todas as materias.

O feito de traballar con materiais dixitais, xestionar e buscar información, crear contidos con esa información e a súa posterior recuperación facilita que o alumnado adquira habilidades e destrezas no emprego de dispositivos dixitais e na xestión da información asociada, aspecto este esencial no futuro profesional do alumnado independentemente do seu futuro laboral.

Por último, levar un portátil no canto de varios libros reduce o peso das mochilas, mellorando aspectos de saúde.

Que é o espazo virtual de aprendizaxe (EVA) no proxecto?

O EVA é unha plataforma dixital que reúne os materiais educativos, facilita a xestión das tarefas, realizar un seguimento da actividade diaria e permite a comunicación entre docentes e alumnado.  Algunhas vantaxes que enriquecen a experiencia educativa tanto para docentes como para estudantes:

  • Acceso flexible ao contido: Os estudantes poden acceder a materiais educativos en calquera momento e desde calquera lugar, o que facilita a aprendizaxe autónoma e reforza os conceptos aprendidos en clase.
  • Personalización e individualización da aprendizaxe: O EVA permiten adaptar os contidos e actividades ás necesidades e ritmos individuais de cada estudante, fomentando unha educación máis inclusiva.
  • Fomento da colaboración: O EVA inclúe ferramentas de comunicación e traballo en grupo, como foros, chats ou wikis, que promoven a interacción e a aprendizaxe colaborativa entre estudantes. Ademais, estas ferramentas poden ser activadas e xestionadas polo profesorado, permitindo por exemplo ou non o uso da mensaxería coma un recurso didáctico.
  • Uso de recursos multimedia: Integrar vídeos, simulacións interactivas ou xogos educativos fai que a aprendizaxe sexa máis dinámico e atractivo, captando a atención dos estudantes.
  • Seguimento e avaliación constante: A través do EVA os docentes poden realizar o seguimento do progreso dos estudantes mediante reportes e ferramentas analíticas, permitindo intervencións máis precisas e oportunas.
  • Mellora das competencias dixitais: Familiarizar aos estudantes coas ferramentas dixitais fomenta competencias tecnolóxicas esenciais nun mundo cada vez máis dixitalizado.